sábado, 25 de novembro de 2017

Glosario bloque 3 (A diversidade climática e a vexetación)

Aridez

A aridez é a ausencia ou escaseza de humidade. Aumenta coa temperatura e coa escaseza de precipitacións. Existen unha serie de fórmulas para determinar o grao de aridez dun clima nun lugar concreto. Entre elas pódese citar o de Gaussen, que indica que un mes é árido cando o valor da precipitación é igual ou menor a dúas veces o valor da temperatura (P≤2T).


Barlovento

 É a parte do relevo ou zona orientada cara ao lugar de onde vén o vento. É dicir, a aba dun relevo montañoso exposta ao fluxo ascendente do vento. Ao elevarse o aire arrefría, condensa o vapor de auga que contén e produce precipitacións. En Galicia, cando domina o fluxo zonal do oeste, a vertente de barlovento é a occidental. Oponse a sotavento.


Inversión térmica

Incremento de temperatura do ar ao aumentar a altura, cando debera de diminuír polo gradiente térmico normal. Deste xeito, atopamos o ar máis cálido sobre o ar máis frío. A nível do solo é resultado da irradiación nocturna con ar en calma e ceo despexado nunha situación anticiclónica invernal, na que se produce unha perda rápida de calor do solo. Estas inversións son moi intensas no fondo dos vales.


Isóbara

É unha isoliña que, nun mapa meteorolóxico en superficie, une os puntos que teñen a mesma presión atmosférica ao nível do mar. Habitualmente represéntanse os múltiplos de 4 hPa (hectopascais) ou mb (milibares), unidade de medida da presión. Cando o seu valor supera a presión normal (1013 mb) constitúen anticiclóns, cando se sitúa por baixo borrascas.


Isohieta 

É unha liña imaxinaria que, nun mapa, une puntos con iguais valores de precipitacións. O seu valor exprésase en milímetros (mm). En España os valores máis elevados (superiores a 800 mm) corresponden ás zonas montañosas e ao norte peninsular, e os valores máis baixos (inferiores a 300 mm) danse no sudeste peninsular e nas illas de Lanzarote e Fuerteventura.


Umbría

É unha zona que, pola súa orientación, está sempre en sombra. As súas temperaturas máis baixas adoitan traducirse en diferenzas de vexetación, sendo os bosques máis amplos. En España é a orientada ao norte.

Landa

Formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formado por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo atinxir os 3 metros de altura. É característica da España húmida, asentándose en solos pobres e pouco aptos para o cultivo.


Laurisilva

É un bosque nuboso subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.. A cuberta vexetal caracterízase pola exuberancia, con presenza de árbores perennifolias que poden acadar ata os 40 m. de altura.


Maquis ou maquia

É unha formación arbustiva densa típica do clima mediterráneo, que pode atinxir dous metros de altura, composta por plantas con pouca necesidade de auga (esclerófilas), como a xara, o brezo, o lentisco ou a retama.

Vexetación clímax

É a vexetación que se estableceu por si mesma nun lugar, cunhas determinadas condicións climáticas, en ausencia de intervencións antrópicas durante un prolongado período de tempo, é dicir, en estado de equilibrio cun ecosistema local.

Vexetación antrópica

É aquela que substitúe á vexetación natural por mor da acción do ser humano polo seu valor económico, ou ben pola degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é resultado da acción humana denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación con piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario